Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2018-01-15

IAF 148: Pozos para eludir aos crocodilos

O ‘Infórmate a Fondo’ do último trimestre achéganos ao novo proxecto de subministro de auga en Mozambique e ás propostas a executar canda ONGD galegas, aprobadas nunha Asemblea á que se achegou Acnur para render contas sobre a axuda ás persoas refuxiadas. A viaxe do gañador de Imaxes con Fondo e as fotonoticias completan o número 148 do boletín.

O último ‘Infórmate a Fondo’ de 2017 fai balance da Asemblea Xeral celebrada en decembro, onde contamos coa presenza dunha representante do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) que presentou os resultados da axuda de emerxencia destinada a solicitantes de asilo na ruta dos Balcáns. Na mesma sesión, as administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aprobaron a resolución da convocatoria de proxectos dirixida a ONGD galegas, a través da que se cofinanciarán cun total de 136.603 euros tres intervencións en Guinea-Bissau, Guatemala e Honduras.

O boletín electrónico recolle asemade a experiencia do fotógrafo Adrián Irago en Mozambique, a onde viaxou como gañador do certame Imaxes con Fondo III. O fotoxornalista retratou a vida no país lusófono e os proxectos alí apoiados, co fin de preparar unha exposición que logo xirará polos concellos. Unha destas iniciativas centra a sección sobre os proxectos en terreo, concretamente a levada a cabo no municipio de Nhamayábue. Trátase da construción de catro pozos que permitirán abastecer á poboación dunha aldea e evitar as mortes causadas polos ataques de fauna salvaxe que se producen no río cando as mulleres se achegan a recoller auga.

O número 148 do IAF complétase con catro fotonoticias, nas que se destaca a xuntanza do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, actividades de sensibilización asociadas ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo ou o remate das xiras de senllos espectáculos para a formación en valores: 'O valo' e 'Contamos todas'.

Descarga o boletín en PDF

IAF 148: Pozos para eludir aos crocodilos