Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2018-01-29

O Fondo Galego convoca á Rede Municipalista Solidaria nas catro capitais de provincia

- Persoal técnico das administracións socias participa esta semana en xuntanzas no Concello de Ourense e nas deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra.
- O Fondo Galego de Cooperación fará balance das actividades de sensibilización e  dos proxectos no Sur executados en 2017 e presentará o novo plan de acción.

Persoal técnico municipal e provincial conforma a Rede Municipalista Solidaria.O Concello de Ourense e as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra acollerán entre o 30 de xaneiro e o 2 de febreiro as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fará balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2017, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, presentará as accións para o ano en curso, recollendo as achegas das e dos participantes.

Todas as reunións darán comezo ás 10.30 horas e as técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego poden escoller a cal acudir. A sesión abrirase cun repaso ao plan de actividades do pasado exercicio, no que se conmemorou o vixésimo aniversario do Fondo Galego, e que se saldou coa incorporación de cinco novas administracións. As actividades de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas duns sesenta concellos en forma de exposicións,  documentais, contos, obradoiros ou espectáculos musicais e teatrais. Ademais, promovéronse dous proxectos en Mozambique, un para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outro para garantir o acceso á auga nun municipio abrindo catro pozos, ademais de achegar axuda alimentaria para a poboación dos campamentos saharauís e roupa de abrigo para as persoas refuxiadas na ruta dos Balcáns.

En 2018, está previsto continuar captando novas administracións socias e seguir sensibilizando á cidadanía galega a través de actividades como dúas exposicións fotográficas, unha das cales será presentada polo propio reporteiro Adrián Irago. Tamén continuará o programa de cooperación técnica Vacacións con Traballo e desenvolveranse novos proxectos no Sur canda ONGD galegas, entre outros. Nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria recolleranse as suxestións do persoal técnico municipal e provincial para o plan anual, pois nestes encontros o obxectivo é favorecer a circulación da información para realizar un traballo eficaz.

CALENDARIO DAS RMS
30/01/2018
. Concello de Ourense. Sala de lectura do Centro Cívico Colón (R/ Colón, 18).
31/01/2018. Deputación de Lugo. Salón verde da Deputación (Praza San Marcos, 8).
01/02/2018. Deputación da Coruña. Sala de prensa ‘Juanjo Gallo’ da Deputación (Av. Porto, 2).
02/02/2018. Deputación de Pontevedra. Sala de xuntas do Pazo Provincial (Av. Montero Ríos, s/n).

ORDE DO DÍA DAS RMS
1. Balance do Plan de Actividades 2017
2. Mozambique a través das imaxes de Adrián Irago
3. Elaboración do Plan de Actividades 2018
4. Rogos, preguntas, suxestións.