Aviso:

[Pechar}

Rianxo 2018-03-27

Persoal municipal cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo

- O Fondo Galego de Cooperación oferta dúas prazas de voluntariado internacional para técnicas e técnicos das deputacións e concellos socios.
- O programa presentouse hoxe no Concello de Rianxo coa participación do alcalde e de dúas traballadoras que xa colaboraron nos países de destino.

O alcalde de Rianxo coas técnicas municipais Ana Piñeiro (esquerda) e  Uxía Cespón (dereita).Dúas empregadas e empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pasarán entre 15 días e un mes colaborando cos parceiros da entidade en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, presentou esta mañá a nova edición do programa de voluntariado internacional canda unha técnica do Fondo Galego e mais dúas traballadoras municipais que xa participaran na experiencia.

"É un orgullo que persoal municipal vaia coñecer outras realidades e realice un labor de cooperación", considerou o rexedor, quen ademais alentou aos cadros dos concellos da contorna para "que se animen a vivir esta experiencia". En palabras da arquitecta Ana Piñeiro, que colaborou co concello caboverdiano de Ribeira Grande, as Vacacións con Traballo "ábrenche os ollos, fanche ver que non somos o embigo do mundo" e permiten apreciar "que é o realmente necesario, ao traballar sen tantas comodidades". A educadora social Uxía Cespón, que apoiou ao municipio mozambicano de Mandlakaze, incidiu no feito de “compartir experiencias, amosar como traballamos aquí e aprender de como o fan alí”.

Desde a Secretaría Técnica do Fondo Galego, Carmen Novas, explicou que as e os participantes nas Vacacións con Traballo achegan asesoramento técnico nos países empobrecidos e intercambian coñecementos, ao tempo que supervisan os proxectos de cooperación internacional e facilitan a colaboración entre o poder local galego e o do país de destino. Ademais, enchóupanse doutras realidades e contribúen a concienciar sobre elas.

Ata o 30 de abril permanece aberto o prazo para presentar candidaturas á decimoterceira edición das Vacacións con Traballo, que buscan dous perfís prioritarios. En Mozambique, a Fundação Encontro, que atende a poboación vulnerable, precisa dunha técnica/o informática/o que lles axude a organizar a base de datos da súa área de Acción Social. En caso de non cubrirse esta praza, o perfil secundario sería o de educador/a social. O municipio caboverdiano de Santa Cruz, pola súa banda, require unha técnica/o de Turismo que contribúa a promover o turismo rural na Cámara Municipal. As opcións secundarias son as de técnica/o de Deportes, animador/a sociocultural e técnica/o de Mocidade.

As candidaturas presentaranse enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, canda o currículo, unha carta de motivación, e mais un escrito de apoio ou consentimento asinado pola/o representante política/o do Fondo Galego no correspondente concello ou deputación. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e mais o dominio do galego e do portugués.
O programa cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención da viaxe, na que as persoas seleccionadas investirán o seu período de descanso. Co fin de visibilizar a realidade do Sur e sensibilizar fronte as desigualdades, o voluntariado publica un blog e á volta tamén se edita un caderno dixital. Un total de 42 empregadas e empregados da administración local participaron desde o ano 2006 nas Vacacións con Traballo.

Bases da convocatoria
Ficha de solicitude
Cartaz VcT 2018
Folleto VcT 2018