Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-06-21

O Fondo Galego celebra en Lugo as VI Xornadas Anuais de Cooperación o vindeiro 25 de xuño

- Expertos de distintas institucións e ONGDs debaterán na Deputación lucense sobre ‘A cooperación galega perante a crise económica e os desastres naturais’

- O evento vén sendo dende 2004 un espazo de encontro para os diferentes axentes do sector e a asistencia está aberta a todas as persoas interesadas

Cartaz das VI Xornadas Anuais de Cooperación. Co título ‘A cooperación galega perante a crise económica e os desastres naturais’ celebraranse o vindeiro 25 de xuño na Deputación de Lugo as VI Xornadas Anuais de Cooperación promovidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Dende 2004, este evento vén sendo un espazo de encontro dos diferentes axentes do sector, tanto públicos como privados, para abordar problemáticas comúns. Tendo en conta o contexto presente, os debates desta edición xirarán arredor de tres temas de actualidade: o novo Plan Director da Cooperación Galega, o papel das iniciativas de sensibilización e educación para o desenvolvemento no marco da crise, e mais a axuda de emerxencia en Galicia, tendo en conta o terremoto no Haití.

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero; a vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega, e mais o presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa, inaugurarán o venres ás 10 horas as VI Xornadas Anuais de Cooperación. Desenvolveranse a continuación as diferentes mesas redondas, con representantes dos distintos actores que concorren no sector. Responsables da administración autonómica, do ámbito universitario ou de organizacións non gobernamentais como Cruz Vermella, Amarante Setem, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a Coordinadora Galega de ONGDs participarán nas mesas canda membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

As administracións locais, provinciais e autonómica, ONGDs, universidades, entidades financeiras e empresas con programas de cooperación ou sindicatos son algúns dos destinatarios destas xornadas, sen prexuízo de que poidan acudir outros axentes implicados e mesmo cidadáns interesados a título individual. A asistencia é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa, e o público poderá intervir nos coloquios cos relatores.
As primeiras exposicións analizarán o II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, que se aprobará neste exercicio despois de acadar o apoio unánime dos membros da Comisión Interterritorial e do Consello Galego da Cooperación ao Desenvolvemento. Tratarase de axudar a divulgalo, clarificalo e avaliar os seus principais avances e debilidades. Por outra banda, a grave crise económica pode converterse no Norte nunha coartada para diminuír os esforzos no ámbito da solidariedade internacional, por iso cobra especial relevancia o traballo de sensibilización e educación para o desenvolvemento. Este labor debera contribuír a que a sociedade civil e as administracións públicas manteñan ou mesmo incrementen as súas achegas, á vez que a cidadanía comprenda e apoie estes investimentos.

Por último, o devastador terremoto do Haití levantou a finais de ano unha forte vaga de solidariedade entre os cidadáns e as institucións galegas. É daquela un bo momento para reflexionar sobre a reacción do sector cooperante ante este tipo de catástrofes. As VI Xornadas Anuais de Cooperación, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, contan coa colaboración da Xunta de Galicia, entre outras entidades.

Preme aquí para descargar o programa das Xornadas.