Aviso:

[Pechar}


Baiona 2011-02-15

A ONGD Implicadas e o Fondo Galego impulsaron o empoderamento das mulleres en Etiopía

- O proxecto conseguiu reducir o número de nenas que traballan na rúa en dous suburbios de Addis Abeba mellorando a economía e a autoestima das nais 

- Os grupos de aforro e os cursos de formación permítenlles ás donas emprender os seus propios negocios e sensibilizar á comunidade sobre cuestións de xénero

Á esquerda, a presidenta de Implicadas, María Reimóndez, cun grupo de mulleres beneficiarias do proxecto.Evitar que as nenas dos suburbios de Addis Abeba teñan que traballar na rúa é o obxectivo principal do proxecto que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade subvencionou á ONGD Implicadas no Desenvolvemento. O Fondo Galego achegou 26.372 euros á terceira fase do programa de desenvolvemento urbano comunitario que Implicadas impulsa na capital etíope coa Organización para a prevención, rehabilitación e integración das nenas da rúa (OPFRIS) como parceira. O proxecto centrouse no empoderamento social e económico das mulleres en treskebeles dos barrios de Arada e Yeka. Ademais de promover grupos de aforro que permiten obter microcréditos, impartiuse capacitación laboral e empresarial, formación sanitaria e sensibilización sobre cuestións de xénero para promover cambios de mentalidade nas comunidades.

Calcúlase que sen este proxecto acabarían nas rúas 1.734 nenas por non teren as súas familias, en particular as encabezadas pola nai, acceso a recursos suficientes que lles permitan estudar e exercer os seus dereitos de infancia. A iniciativa permitiu incrementar o nivel de aforro e de circulación dos cartos entre as mulleres, para favorecer o seu empoderamento económico, social e político. Entre os grupos que se reforzaron e os catro que se crearon novos, no percorrido do proxecto traballouse con 35 grupos de aforro integrados por 621 donas, dos que ao remate do proxecto se mantiñan operativos 19, formados por 344 mulleres. Esta redución debeuse ao traslado forzoso da poboación debido á demolición de parte dos suburbios, se ben agárdase que os grupos se volvan organizar nos novos emprazamentos. Ademais, 347 mulleres recibiron formación empresarial e outras 60 capacitáronse na elaboración de produtos de artesanía e alimentación, para promover os seus propios negocios.

Ao mesmo tempo, o proxecto buscaba a adopción de prácticas sanitarias por parte da poboación. Impartiuse formación en temas de hixiene e 94 mulleres foron derivadas para tratamento. Doutra banda, vinte donas participaron no teatro de rúa, que permitiu achegar a concienciación sobre a desigualdades que sofren a máis de 1.400 persoas da comunidade. Co fin de impulsar a súa visibilidade conmemorouse tamén o Día da Muller, cun evento no que se repartiron premios e se celebrou unha carreira feminina polas rúas. Incidiuse asemade na alfabetización das mulleres e dos nenos e nenas, conseguindo que o 90% das cativas e cativos matriculados nas clases de apoio asistan con regularidade.

Microcréditos entre elas

Os grupos de aforro ou autoaxuda estrutúranse de xeito que entre 15 e 20 mulleres realizan as achegas pactadas para crear un fondo común que vai rotando. Cada unha das beneficiarias ten que devolvelo no prazo previsto co tipo de xuro correspondente. Ademais do rendemento económico, existe unha clara compoñente social, xa que as integrantes toman decisións de xeito democrático sobre os problemas que lles afectan. O proxecto contemplou actividades formativas para fortalecer estes grupos e conseguir que aforren cada vez máis diñeiro, a fin de que as participantes poidan emprender negocios cada vez maiores e máis rendibles.