Aviso:

[Pechar}



Os Dereitos Humanos non son unha idea lixo (2012, conmemoración dos 15 anos)

O Fondo Galego Cooperación e Solidariedade simboliza unha política pública mancomunada do poder local galego para concentrar esforzos e calidade a prol da cooperación internacional ao desenvolvemento. Nos países do Sur apoiando procesos de desenvolvemento endóxeno por medio de proxectos, e en Galicia por medio da promoción dunha cultura de Dereitos Humanos.


 

Impulsado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional desde comezo dos anos 90 e co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, o Fondo é resultado igualmente das reivindicacións mundiais polo 0,7% e do impulso da chamada globalización.

O Fondo Galego é unha asociación de libre adscrición para os Concellos e Deputacións, e tamén unha referencia para as institucións políticas e sociais galegas. Conta actualmente con 92 Concellos socios e as Deputacións de A Coruña e Lugo, e unha liña de traballo histórica coa Xunta de Galicia. Nel participan todas as cidades do país, pero tamén concellos medianos e pequenos. Hai acomodo para todos.

O Fondo é transpartidario e unha das pezas máis estables da acción exterior de Galicia. Actualmente a Presidencia recae no Concello de Redondela, a Vicepresidencia no Concello de Vigo e a Tesourería no Concello de Allariz. Ademais, nas vogalías da Comisión Executiva inclúense os concellos de A Coruña, Allariz, Viveiro, Oleiros, e a Deputación de Lugo.

 

    A defensa dos Dereitos Humanos como tradición universal e histórica compartida para a resolución de conflitos, o mantemento dos compromisos institucionais mínimos coa cooperación internacional e a reivindicación do noso modelo organizativo e resultados, son as razóns de ser do Fondo Galego no seu 15 aniversario.

    Moitas veces, os Dereitos Humanos son tratados como unha idea lixo, polo mal-uso de todas/os e o carácter periférico e contraditorio do paradigma no seo das institucións. En tempos de crise, non debería ser así. Podemos e debemos manter a nosa resposta solidaria.

    Por todo isto, o factor humano xogou e xoga un papel crítico na historia e proxecto do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

    Únete. Somos unha rede de institucións e persoas. 

    Apúntate á nosa comunidade dándolle un “Gústame” no Facebook ou uníndote ao twitter do Fondo compartindo os vídeos da campaña, froito dun Grupo de Discusión con participantes do programa Vacacións con Traballo. 
 

    Acude ás Xornadas do 30 de novembro: 15 anos comprometéndonos coa solidariedade.