Aviso:

[Pechar}


Baiona 2011-03-07

Os Fondos dedicaron máis de 600.000 euros a fomentar a igualdade en África e Latinoamérica

- As entidades agrupadas na Confederación de Fondos de Cooperación levaron a cabo en 2010 máis de 18 iniciativas para favorecer o empoderamento da muller 

- O pasado ano, o Fondo Galego impulsou un proxecto específico de xénero en Cabo Verde e finalizouse outro subvencionado á ONG Implicadas en Etiopía

Joana Perpétua é unha das beneficiarias do proxecto de recalificación urbana en Eito.Os Fondos de Cooperación asociados na Confederación de Fondos de Cooperación y Solidariedad levaron a cabo o ano pasado máis de 18 proxectos a prol do empoderamento da muller, a posta en marcha de medidas de discriminación positiva, a promoción das donas na vida pública local nos países do Sur e a participación das concelleiras en iniciativas de desenvolvemento. Os proxectos apoiados en Haití, Colombia, Nicaragua, Guatemala, O Salvador, Ecuador, México e Bolivia en Latinoamérica; e Cabo Verde, Etiopía e Malí en África, contaron con máis de 600.000 euros de financiamento. Os datos poñen de relevo a importancia da cooperación descentralizada en torno ao xénero.

No caso concreto do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en 2010 apoiouse con 55.000 euros un proxecto de xénero en Cabo Verde, coa Cámara Municipal de Paúl como parceira. Consistiu na recalificación urbana da localidade de Eito, con obras de drenaxe e saneamento, reparación de fachadas, construción de baños e cociñas, empedrado das rúas, etc. Tratábase dunha política municipal identificada no Plan de Igualdade e Equidade de Xénero de Paúl, que tamén foi apoiado polo Fondo Galego. De feito, na actuación en Eito priorizouse a mulleres cabezas de familia, nais con moitos fillos, desempregadas, etc. Supón así mesmo un incentivo para aquelas mulleres que poden dedicarse na casa a actividades produtivas como a elaboración de doces e salgados ou á costura.

O ano pasado finalizou ademais en Etiopía un proxecto subvencionado con 26.372 euros en 2009 á ONGD Implicadas, que promoveu grupos de aforro femininos en Addis Abeba para contribuír a evitar que as nenas dos suburbios tivesen que traballar na rúa. En total, desde 1999 o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiou 19 proxectos específicos de xénero aos que destinou 430.780 euros. No entanto, o enfoque de xénero contémplase en todos os proxectos cofinanciados, tal e como establece o documento Estratexias 2007-2011.

Campañas de sensibilización

A parte dos proxectos que promoven o empoderamento das mulleres do Sur, as políticas de xénero na cooperación ao desenvolvemento convertéronse no eixo de boa parte das accións realizadas polos Fondos integrados na Confederación, mesmo das campañas de sensibilización. En distintas comunidades autónomas leváronse a cabo actividades de concienciación e información, entre as que destaca a iniciativa ‘Ser Dona al Sud’, do Fons Valencià de Solidaritat.

Neste eido, o Fondo Galego de Cooperación promove a equidade de xénero en actividades de sensibilización como a xira ‘Contos coas mans abertas’, onde as historias da compañía A Tropa de Trapo abordan, entre outros temas, a igualdade de dereitos entre homes e mulleres. Esta temática tamén se trata no programa de teatro social TeatrAcción, nas exposicións ou nas Visitas ao Norte, onde as delegacións chegadas dos países do Sur, sempre con algunha dona, intercambian experiencias nos municipios galegos, principalmente con colectivos de mulleres.

A Confederación de Fondos

A Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad é un marco de coordinación e de representación conxunta de distintos fondos de cooperación existentes no Estado español. Na actualidade, está integrada polo Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Euskal Fondoa–Asociación de Entidadaes Locales Vascas Cooperantes, Fons Valencià per la Solidaritat, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (FAMSI), Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo (FELCODE) e o Fondo Canario de Solidaridad Internacional y Cooperación al Desarrollo. Ademais do Fondo Castellano-Manchego de Cooperación e o Fondo Cantabria Coopera, como entidades colaboradoras.