Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo (A): África

Atroz en ti o branco,
refutando a etimoloxía dos diccionarios,
a pel esbrancuxada do europeo,
o seme do violador sobre o teu pube,
na ecuación que iguala
muller e animal;
os cairos arrincados,
os espacios en branco,
ocupados pola nosa ignorancia
enormes, sobre ti.

(bóbóra inókóó weke eriao
abre os ollos, si, abre os ollos)

Amarela, a cor dos belgas,
—morto no centro—
sobre o teu mapa,
os dedos da rapina son amarelos,
o ouro das túas entrañas
nembargantes
ten a cor do sangue;
disque o francés foi azul,
laranxa o portugués
¿A traizón do Sáhara, dime,
que cor ten?

(Amgala, Smara, Tifariti,
Auserd, Zuc, Bir Lehlú)

Area, corazón de vento,
mudan as tendas, a cor
do té vai mudando, verde,
dourado, as palabras, os
compromisos, enterrados,
murchos como follas de té.

(as espiñas de Nungu,
pero Kiboko no río)

Ávrego, vento de África,
que en Toba chaman vendaval,
levas a tolice
ou só devolves
os corpos de teus fillos
chuspidos do teu mapa
preñado como un ventre
nas augas sen fondo do estreito.


Marilar Aleixandre

 

Palabras con Fondo (A): África