Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo (B): Busco voces

-1-

Busco voces que falen sen medo.

Hai voces que veñen de lonxe
Hai voces sen amo nin dono
Hai voces que agroman no aire
Hai voces que quitan o sono

Son voces promesas de area
Son voces cóxegas de vento
Son voces de xentes con fame
Son voces que abafan co alento

Voces de augas avoltas
Voces de prantos calados
Voces de berros agullas
Voces que asaltan valados

Busco voces que falen con eco.


-2-

Cheguei coa maleta libre,
cun sorriso de esperanza,
e coas mans baleiras
equilibrando a balanza.

Quixen enchelas de pan e de estrelas,
para retornar axiña coas saquetas
ateigadas de bolboretas.

Na outra beira deixei dous caraveis.
Un coñece o meu rostro,
o recendo dos meus bicos,
os meus aloumiños e sorrisos.

Outro quedou sen arrimo,
ausente da miña ollada fuxidía,
desleitado, sen mimo.

As bágoas gardeinas nun peto.
As bágoas chucharon o meu secreto.

Fíxenme puta
e fun puteada baixo engano e ameaza.
Sempre hai voitres á caza.

Poida que algún santón
aínda me pida que faga confesión.
Inconvenientes da indefensión.

Alguén explotoume en exclusividade
e logo disfrazouno de solidariedade.

Tiven poucas alternativas.
Escoitei dabondo evasivas.

Amparada na miña dignidade
limpei os chans que pisan
aqueles sen conciencia
que viven da indignidade.

Non me caeron os aneis.
Téñenme présa á espera
dos prometidos papeis.

Á outra beira do mar
uns ollos de lume contan comigo.
¡Non lles podo fallar!

Disfrazarei a verdade
con mentiras e arrolos
que iluminen o seu espertar.

Poida que un día, cando os meus brazos
xa non sexan quen de abarcalos,
consiga abrazalos.

Será a miña recompensa
a tanta resistencia.
É un fermoso soño.
O único que xustifica a miña existencia.


-3-

Buscarei na roda do mundo
un anaco de arboredo virxe e dareicho.
Para ti a firme rocha.
Para ti a súa dureza.
Que ninguén ouse profana-la paisaxe
da túa inmensa fortaleza.

Buscarei na roda do mundo
un anaco de arboredo virxe e dareicho.
Para ti a firme rocha.
Para ti a súa dureza.
Que ninguén ouse profana-la paisaxe
da túa inmensa tristeza.

Buscarei na roda do mundo
un anaco de arboredo virxe e dareicho.
Para ti a firme rocha.
Para ti a súa dureza.
Que ninguén ouse profana-la paisaxe
da túa inmensa afouteza.

Buscarei na roda do mundo
un anaco de arboredo virxe e dareicho.
Para ti a firme rocha.
Para ti a súa dureza.
Que ninguén ouse profana-la paisaxe
da túa inmensa grandeza.


-4-

Xoguetes bélicos para os nenos de teta.
Foguetes púdicos a campo aberto en terra seca.

Públicas mulleres parindo sacrilexios
en públicos patíbulos de mercenarios privilexios.

Bandeiras ondeando victorias atávicas
nas canteiras sanguentas das guerras patrióticas.

Homes con casaca mercando carne podre,
caciques da miseria na enchente dalgún pobre.

Perversa sinfonía dun mundo con fronteiras,
na agónica tristura das férreas barreiras.

Chuvia de metralla bendicindo vellas coitas,
liortas de bandidos macerando as mesmas loitas.

Muros erguidos con vergoña e retroceso.
Muros derruídos na defensa do progreso.

Guerras Santas rebentando ilusións.
Santas Guerras ateigadas de traizóns.

¡Canto esterco no nome da esperanza,
na batalla impositiva da ignorancia!

¡Canto berro cimentado na barbarie,
na falacia inventada da solidariedade!


-5-

Solidariedade vestida de domingo
a prezo de saldo.
Hipocrisía.
Cos pés batendo nos quistes da rúa.
Unha moeda para o mendigo
que afea as nosas avenidas de escuma.

Cos desperdicios de media humanidade
alimentaríase a outra metade.
Mensaxe barata.
Mensaxe de folla de lata.
¿E qué?
Estamos no lado da prosperidade.
¿é ou non é?

Maratón televisivo.
Entregue o seu donativo
en nome da solidariedade.
Publicidade.
Polo custe dun anuncio
deixaría de sentirme culpable.


-6-

Ás veces as voces rachan o silencio.
Ás veces as voces cristalizan en berros secos.
Ás veces as voces derrocan dictaduras
cimentadas no tempo.

Son voces cifradas.
Son voces caladas.
Son voces olladas.

Voces desgarradas
que só aspiran a un posto nun mundo novo,
sen muros, sen fronteiras, sen balas,
con risas sinceras, con palabras.

Voces vida.
Voces ousadas.


-7-

Vida
E na man un corazón aberto
de silencios e rumores ambiguos

Vida
Que arrinca dun latexo de luz,
e comadrea con provocativa insolencia

Vida
Unha risa que rompe a cachón
Coa ferinte constancia do ser

Vida
Nun combate a ceo aberto
Entre a nada e a eternidade inconclusa

Vida
Nunha guerra de bicos e olladas,
armas incombustibles da humanidade

Vida
Que arrinca promesas e derrama misterios,
Sementando sinfonías de gloria

Vida
Anónima esencia que ascende os banzos
da existencia cara ó infinito

Vida
Fogueira das fervenzas máis caducas
na perenne loita pola auga primixenia

Vida
A de todos, a túa, sobre todo a túa,
a dos devanceiros que fixeron historia.

An Alfaya

Palabras con Fondo (B): Busco voces