Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo (G): Un ser diferente

Gaña-la batalla obsesionaba ó profesor Xan Rego Momboum, do Instituto de Análises da Evolución (IAE) do sector centro –meridianos 13 a 230 na nova denominación–. Levaba a traballar moitos meses cun numeroso equipo no rebrote dun antigo andacio do que só nunha época extremadamente remota se coñeceran casos abundantes.

Había pouco máis de dous anos que fora detectado un individuo con síntomas moi preocupantes de desviación da sensatez no comportamento social. Nunha situación de desenvolvemento da ciencia que permitía pensar que xa nada quedaba por investigar a propósito da evolución humana, a aparición de tal anomalía provocou de contado unha xuntanza no IAE dos mellores expertos, os máis deles retirados despois de térense desvelado as derradeiras claves na materia uns douscentos anos atrás.

Non foi posible atopar a extraña malformación que causara o monstro que permanecía agora arredado da sociedade como caso único no mundo. Era coñecida a existencia na antigüidade de toda sorte de violencias con aquela mesma orixe... e todos temeron que algún tipo de proceso involutivo da humanidade os levase de novo á situación histórica de enfrontamentos entre as chamadas razas.

Había xa moito que se descubrira o que se chamou fluído Mandela, en lembranza dun personaxe correspondente á alta prehistoria e asociado para sempre á loita contra quen padecían aquel mal que se manifestaba con expresións violentas de xenreira cara a outros individuos da mesma especie con peculiaridades físicas diferentes.

Numerosos achádegos que se sucederan a partir do momento histórico de térese completado o xenoma humano conduciran finalmente ó do devandito fluído –en realidade non era tal, senón algo ben máis complexo– que así e todo permitía realizar doadamente mutacións da estructura corporal para crear ou eliminar calquera característica. Popularizado o método, o racismo perdera a razón de ser. Era como se a humanidade volvese ó comezo dos tempos, cando aínda todos formabamos parte dun magma único que se desenvolveu en diferentes direccións con resultados que na actualidade xa son só opcións de catálogo.

A presencia dun individuo cunha perturbación social que o levaba a se sentir diferente e superior a todos causou gran preocupación. Feitas tódalas probas científicas, non se atopou nada que o explicase. E, como sempre en casos así, xermolou o temor a algún maleficio arcano, moi antigo, que dese sentido a algo que non o tiña.

Debatiuse moito na comunidade científica sobre cal debía ser a terapia. Non se quería actuar sobre a mente do individuo por considerar que sería tanto como facelo desaparecer convertido noutro diferente. Así que foi sometido a sucesivas mutacións do aspecto físico e a residir en diferentes áreas da zona habitada. Co tempo, calquera diría que esquecera as vellas teimas, que estaba curado. Pero non era así. Mudara nun ser resentido que soñaba co poder que lle permitise determina-lo seu aspecto físico e o dos demais. Faría un universo de seres iguais e perfectos.

Foi moitos anos despois, cando o problema se mantiña aínda neses parámetros sen que os especialistas atopasen a solución definitiva, cando dende o Planeta 25 chegou un ser que era a antítese de canto desexaba aquel individuo para o seu mundo. Unha sorte de meigo sideral, un refugallo dunha sociedade atrasada (¿Imaxinádelo? ¡Claro que o imaxinades! Tiña esa extraña pel dos sapos esaxerada polo tamaño; unhas aperturas das coradas ó exterior tan primitivas e sanguiñentas que daban terrexío; uns órganos de percepción tan sui generis que non resultaban identificables; un xeito de “falar” que non tiña xeito... Era así, tan diferente del e de ti mesmo que che daría noxo).

Pero aquela “cousa” trouxo o remedio ó temido mal nun simple xogo para a imaxinación imposible nos tempos da alta prehistoria. Da súa man enfrontouse o enfermo non á riqueza de imitarse ós demais e comparti-los seus mundos permitíndolle sentirse diferente. Senón ó inferno de vivir rodeado de xente que era toda coma el.


Tucho Calvo
Quintá de Mandaio, 12 de setembro de 2000

Palabras con Fondo (G): Un ser diferente