Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo (Ñ): Invisibles

— ...Ñ ...O ...P. A ver: Palacios... Pastor... Pereira... —o dedo da secretaria baixaba veloz polo listado de nomes que enchía as follas que tiña diante. Sentado enfronte da mesa, Miguel miraba para aquel dedo coma se, de repente, toda a súa vida futura dependese del. Finalmente, a uña vermella quedou parada enriba do que andaba a buscar. A rapaza leu con voz triunfante:

—Pérez Lestón, Miguel. É o seu nome, ¿non si? Xa lle dixen que era imposible que houbese ningunha confusión.

Miguel aínda tentou insistir; podía ser que na empresa traballase outro operario co seu mesmo nome, tampouco os seus apelidos eran tan raros. Pero a secretaria, cun aceno de impaciencia, explicoulle que todo estaba moi claro. Mentres llo dicía, miraba xa para o home que agardaba na fila detrás del, desexoso de ocupar o seu lugar.

Ergueuse e saíu da oficina. Ficou parado na beirarrúa, sen saber qué camiño coller. O que menos desexaba era ir outra ver para a súa casa, así que botou a andar sen rumbo fixo, meténdose por rúas polas que nunca transitara. Así chegou a unha pequena praza con árbores, estrañamente afastada dos ruídos da cidade. Sentou nun banco que había libre na zona da sombra. Protexido polas pólas da árbore e acariñado por unha leve brisa, recuperou o acougo necesario para repasar aquelas poucas horas que fixeran mudar a súa vida dun xeito radical.

Todo comezara pola mañá, a iso das dez e media. Acababa de erguerse e dispúñase a almorzar na sala, cando chamaron ó timbre. Era o carteiro, que traía unha carta certificada; a carta era da súa empresa, axiña recoñeceu o logotipo. Despois de que o carteiro marchou, Miguel mirou con prevención o sobre que sostiña na man; unha das cousas que aprendera na vida era a desconfiar das cousas imprevistas. ¿Como é que lle escribían da empresa? Aínda era o 24 de agosto, faltábanlle seis días para volver ó traballo. ¿Sería posible que o necesitasen antes de tempo?

Abriu o sobre. Dentro viña unha carta moi breve, asinada polo xefe do Departamento de Recursos Humanos. Nela indicáballe que, a resultas da recente fusión, a empresa debía prescindir de 218 empregados. El fora un dos elixidos, polo que o seu contrato quedaba rescindido. Debía pasar canto antes polas oficinas centrais, para facer todo o papeleo e poder cobrar a liquidación que lle correspondía.

Leu a carta con incredulidade. Levaba máis de vinteseis anos na empresa; había uns meses, o Director impuxéralle a medalla de honra por todos os seus anos de traballo ¡Non era posible, tiña que tratarse dunha confusión!

Vestírase ás présas e marchara ata as oficinas. Cando chegara, xa había unha cola formada por outros empregados na mesma situación ca el. Por fin, aquela rapaza das uñas pintadas de vermello, sen deixar de mastigar chicle en ningún momento, confirmáralle o que a carta lle poñía: estaba despedido, nunca máis traballaría nas instalacións de PROGASA.

Despois de repasar os feitos unha e outra vez, decidiu regresar á súa casa. Carme xa estaría intranquila, pois non lle deixara ningunha nota. Andou ata a parada máis próxima e agardou por un autobús que o deixase na súa rúa. Non tardou en pasar un. Ía repleto de xente, pero Miguel nin se decatou; o seu cerebro non podía deixar de pensar na nova situación que se abría na súa vida.

Xa na casa, contoulle o ocorrido á súa muller. Carme acolleu a noticia con resignación, como se fose a consecuencia lóxica dun destino irremediable.

—¿E que pensas facer agora? —preguntoulle, mentres comían.

—Non o sei —respondeu Miguel—. Supoño que terei que pasar polas oficinas do paro.

—Pero tes dereito a unha indemnización. ¿Reclamáchela?

—Na oficina xa me deron vez, teño que volver dentro de catro días. Supoño que se encargarán eles de todo o papeleo.

Unha semana despois, liquidada enteiramente a súa relación coa que xa era a súa antiga empresa, Miguel achegouse ata as oficinas do paro. Atendeuno un home novo, que lle mandou cubrir algúns impresos. Cando llos devolveu, o home examinounos con atención.

—¿Ano de nacemento, 1948? ¿Está vostede seguro? —preguntoulle, con cara de abraio.

—Pois si —contestou Miguel, amolado—. Teño agora 52 anos, así que faga vostede a conta.

—¡52 anos! Pois, con esa idade...

—¿Que lle pasa á miña idade, se o podo saber?

—Non se me altere, xa sei que vostede non ten a culpa. Pero con eses anos imos ter difícil atopar algo para vostede. ¡As empresas queren xente nova e non abuelos que xa teñen un pé na xubilación!

Miguel calou, non gañaba nada indignándose con aquel impertinente que ben podería ser o seu fillo. Eran poucas as persoas coa súa experiencia; estaba seguro de que logo había chegar algunha oferta de traballo.

Pero pasaron os días, e as semanas, e os meses. Cansou de visitar a oficina do paro, cansou de atoparse sempre coas mesmas respostas. Miraba tamén as ofertas de traballo dos xornais, pero, cando dicía a idade, en todos os lugares o despedían sen contemplacións.

Acabou pasando a maior parte do tempo na casa, porque cada vez lle resultaba máis estraño andar pola rúa. Vía aqueles homes que camiñaban apresurados coas súas carteiras, aquelas mulleres que taconeaban enérxicas coma se o mundo fose delas... e parecíanlle tan distintos e afastados coma seres doutro planeta. "Aínda que quizais", pensaba con amargura, "quen son doutro planeta son eu. Do planeta dos parados, quén sabe se xa para sempre".

* * *


Unha mañá, cando se dispuña a afeitarse no cuarto de baño, Miguel notou que lle custaba traballo ver a súa cara no espello. Refregou os ollos e volveu mirar, pero só a duras penas podía distinguir o contorno do seu rostro. Asustado, ollou para as súas mans, para o seu corpo enteiro: tampouco o vía con nitidez, tamén aparecía borroso e difuminado coma un debuxo esvaído polo paso do tempo.

"Son os ollos", pensou. "A idade non perdoa, seguro que xa empezo a ter problemas coa vista". Pero cando mirou ó seu redor e comprobou que os obxectos do baño os vía coa mesma nitidez que antes, decatouse por fin de que algo estraño lle estaba a ocorrer: non eran os seus ollos; era o seu corpo, que estaba a facerse estrañamente transparente.

Non se atreveu a contarlle nada a ninguén, nin tan sequera a Carme, aínda que tamén ela parecía afectada polo mesmo mal. Algunhas veces, descubríraa mirándoo de modo estraño, como se ela tamén estivese asustada. ¿Serían todo imaxinacións súas? ¿Estaría a tolear, despois de tanto tempo no paro? Oíra dicir que algunhas persoas acababan necesitando tratamento psiquiátrico. Pero el por dentro sentíase ben, sobre todo agora que tiña horas e horas para pensar.

Algúns días despois tivo que renderse á evidencia. Mirábase no espello, completamente espido, e só con moito traballo conseguía ver o contorno do seu corpo, unha liña difusa semellante á das pompas de xabón cando voan polo aire. Mesmo alcanzaba a ver xa os obxectos que o seu corpo debería ocultar. Imposible negalo, non podía agachalo por máis tempo: ¡o seu corpo era transparente! De seguir así, acabaría por volverse totalmente invisible.

Vestiuse ás présas e saíu á rúa. Necesitaba que lle dese o aire, precisaba atopar o acougo necesario para examinar polo miúdo o que lle estaba ocorrendo. Camiñou ata o parque da Praza Maior e sentou nun banco que viu libre. Pasados uns minutos, cando xa estaba máis sereno, escoitou unha voz que viña da súa dereita:

—Desculpe vostede, pero creo que deberiamos falar da nosa invisibilidade.

Asustado, Miguel mirou ó seu redor. Estaba só no banco, non había dúbida. ¿De onde viña logo aquela voz? ¿Atoparíase tan mal que xa oía sons imaxinarios?

—Non se asuste, home —continuou a voz—. ¿Por que non me mira con máis atención?

Entón Miguel, forzando a vista, distinguiu ó seu carón os contornos doutro home que, coma el, tamén tiña o corpo transparente. Parecía sorrir, e tendíalle unha man que, despois dalgunhas vacilacións, Miguel estreitou con ansiedade.

—Ola, eu son Luís. Benvido ó mundo dos seres invisibles. ¿Ou acaso pensabas que o teu era un caso único?

—Eu son Miguel. ¿Quen es ti? ¿Como é que a penas te vexo? —non sabía ben cómo reaccionar naquela situación—. ¿É que queres dicir con iso dos seres invisibles?

—Acouga, Miguel; xa ves que estou na mesma situación ca ti. E só quero ensinarche a mirar ó teu redor. Así descubrirás que os invisible somos moitos, ben máis dos que nunca imaxinaches.

Miguel decidiu deixarse levar por aquel home de voz calma, non tiña nada que perder. Seguindo as súas indicacións, axiña puido ver diante dos seus ollos unha realidade que ata daquela nin tan sequera fora quen de imaxinar. Andando polo parque ou polas beirarrúas, descubriu unha morea de homes e mulleres transparentes coma el. As outras persoas actuaban coma se aquel xentío invisible non existise; pero estaban aí, tan reais como a materia escura que ocupa unha boa parte do universo.

Mirou para o seu novo amigo, como agardando unha explicación para aquel raro fenómeno. Pero Luís non falou nada ata que chegaron ás portas dun importante centro comercial.

—Ti fai o mesmo ca min —díxolle. E de seguido colocouse fronte á porta, estendendo a man en actitude de pedir, a semellanza doutras persoas invisibles que estaban alí desde antes.

Miguel imitouno e tamén estendeu a man. As moitas persoas que saían do centro comercial pasaban ó seu carón, pero ningunha batía con eles. Todas os esquivaban, aínda que agachasen a cabeza para facer máis evidente que non os vían. Tan só algúns nenos pequenos os miraban con ollada clara, como avisándoos de que non para todos eran invisibles.

Despois dun tempo, Luís abandonou o lugar. Miguel marchou tras del. Agora si que necesitaba unha explicación que lle axudase a entender aqueles feitos.

—¿Aínda non o comprendes? —comentou Luís—. Toda esa xente venos, pero non nos ve. Venos, está claro, porque senón baterían contra nós. Pero non nos ven porque para eles non existimos. A súa indiferencia é a que nos fai invisibles.

—¿Por que nós? ¿Quen somos os invisibles, como ti dis?

—¿Non o adiviñas? Os parados, as mulleres, os inmigrantes, os pobres... Todos os que, como din os que dirixen isto, non entramos na categoría de "consumidores".

—¡Así que estamos condenados a non existir! —exclamou Miguel—. ¿Non che parece terrible?

—Seríao se non houbese un antídoto. Ven comigo, aínda che teño que ensinar o máis importante.

Luís botou a andar e Miguel seguiuno. Despois de atravesar unha chea de rúas, pararon diante dunha casa que, a primeira vista, non se diferenciaba das outras. Cando entraron nela, Miguel viu que alí había moitos homes e mulleres, ocupados en diferentes labores. Foi entón cando levou a maior sorpresa da súa vida: o seu corpo acababa de recuperar a consistencia que tivera noutros tempos. ¡Volvía a ser visible, e tamén Luís! ¿Que significaba todo aquelo?

—Velaquí o antídoto —díxolle o seu amigo, sorrindo—. Todas estas persoas son invisibles fóra de aquí. O que as fai visibles é o feito de estar xuntas. ¡A nosa transparencia desaparece cando nos unimos!

—Pero non podemos estar sempre xuntos —obxectou Miguel—. Cada un de nós ten a súa propia vida.

—Ben o sei, por iso precisamos unirnos todos —respondeu Luís—. ¿Entendes agora por qué te abordei no parque? É o noso traballo, descubrir as persoas transparentes que aínda están soas. E de aquí en diante será tamén o teu; necesitamos do esforzo de todos para unirnos.

Durante as horas seguintes, Miguel foi de sorpresa en sorpresa, abraiado antes tantos proxectos daqueles novos compañeiros seus. Ó anoitecer abandonou o local. Debía volver á súa casa, necesitaba contarlle a Carme todo o que lle ocorrera.

Mentres atravesaba as rúas da cidade, comprbou unha vez máis cómo as outras persoas pasaban ó seu carón sen velo, convertido de novo en home transparente. Pero agora non lle importaba. Sabía que, algún día, aquelas rúas estarían cheas de persoas coma el, e entón non terían máis remedio que reparar nelas e facerlles caso. Sorriu ó imaxinar aquela futura fervenza de homes e mulleres, unidos cóbado con cóbado, decididos a construír un mundo novo; un mundo que nunca máis condenase a ninguén á invisibilidade.


Agustín Fernández Paz

Palabras con Fondo (Ñ): Invisibles