Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo (P): Cara a un mundo novo

Pode que nos últimos cen anos o desenvolvemento das ciencias da natureza teña sido moi superior ó que tivo lugar en todo o decorrer da nosa cultura. Como tamén é certo que, ó contrario, non houbo un desenvolvemento parello, nin de lonxe, das ciencias sociais, nin das ideas de solidariedade, cooperación ou xustiza social. Pode que o mundo de hoxe se caracterice, neste sentido, por ser en certa maneira máis inxusto có de hai cen anos, como o pon de manifesto o feito ben visible da contraposición de dúas partes da Terra, unha que ten chegado a un notable desenvolvemento e outra, unha boa parte do planeta, que se mantén en situacións dunha pobreza extrema, dunha falta absoluta de horizontes a curto ou a medio plazo, no que a vida ten ben pouco de humana e moito de crueldade.

Pensamos que só a falta de sentido da solidariedade levou a esta situación, que constitúe unha vergoña humana, que dá unha imaxe moi facareña do ser humano, que pon arrepío pensar que así somos cos nosos semellantes. Porque tamén é claro que esa situación persiste por razón, en primeiro termo, dunha falta de conciencia, por desleixo, por verdadeiro egoísmo dos que poden fronte ós que nada poden nin nada contan. Pois tamén é claro que existen moitas posibilidades de enfrontar, e de moi diversas maneiras, os dramas da pobreza e do subdesenvolvemento no mundo. Porque témo-los excedentes necesarios para erradicar esa miseria, porque témo-los medios máis que suficientes para axudar a un cambio estructural neses países, porque dispomos das técnicas e das capacidades de organización que cómpren para propiciar unhas sociedades máis xustas, libres e humanas. E se non o facemos é porque os nosos centros de poder e de decisión teñen outros intereses, outras prelacións, outros obxectivos. A escravitude do voto contribúe a que haxa verdadeira escravitude en boa parte do mundo.

Por iso, pensamos que sempre é práctico tratar de influír nesas estructuras de poder e de decisión para que o cambio se produza, cambio que ten que ser, en primeiro lugar, desas estructuras mesmas. Calquera iniciativa que tenda a ese cambio, pequena ou grande, debe ser ben acollida, afortalada e axudada.

Sen dúbida que un dos grandes desafíos deste milenio é o de chegar a unha solidariedade global, ó potenciamento e desenvolvemento dun mundo que agora vive na escravitude, dun mundo que hoxe por hoxe é a vergoña máis lancinante que pesa sobre todos nós. Pero xusto neste mundo globalizado cómpre estar moi atentos para que algunhas sociedades como a galega, por exemplo, non sexan trituradas e desaparezan. Pois a globalización tanto pode ser boa como ser catastrófica e asoballante. Por iso, a globalización tanto pode axudar como destruír. De aí que para nós, aquí en Galicia, sexa tan importante tomar conciencia dese dobre feito, é dicir, da ameaza de total esbarrullamento da nosa sociedade e, á par, das posibilidades que a mesma globalización pode deparar. ¿Decatámonos ben da larganza e amplitude de posibilidades que isto realmente significa?

Se fomos quen de chegar ós adiantos que sabemos no tocante ás ciencias da natureza, ¿por qué non imos selo para o desenvolvemento das ideas de solidariedade e chegar a un desenvolvemento das ciencias e valores sociais semellante ó que se logrou das ciencias da natureza?. Se o século XX foi o do desenvolvemento espectacular destas, o século XXI ten que ser, porque mesmo sería unha vergoña que non o fose, o dun parello e espectacular desenvolvemento das ciencias sociais, e con elas, das ideas de solidariedade, xustiza social, cooperación internacional, etc.. de maneira que estes conceptos cheguen a ser valores sociais comúns, conformadores das nosas mentalidades e da nosa conducta. Que así sexa e que todos o vexamos.


Xosé Luís Franco Grande

Palabras con Fondo (P): Cara a un mundo novo