Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo: Presentación

A solidariedade é algo máis que unha palabra: necesita para a a súa difusión de palabras cheas de fondo e de contido, coma as que seguen nestas contribucións de autores galegos baixo os auspicios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Tódalas accións que promovan uns valores e unha ética de solidariedade e cooperación, e que persigan unha sensibilización da sociedade neles, merecen ser apoiadas. Sementando solidariedade sementámo-lo futuro dos países en vías de desenvolvemento e da nosa sociedade. As fronteiras actuais neste mundo globalizado non son capaces de pór freo á pobreza, nin sequera nos países máis industrializados, onde os excluídos sociais -o chamado cuarto mundo- quedan fóra do sistema.

O concepto de pobreza cambiou nos últimos anos. Agora, enténdese non só coma escaseza de medios materiais, senón como falta de oportunidades para levar unha vida digna e aceptable, tendo a posibilidade de recibir unha educación e acadar unha vida máis saudable e lonxeva. Concluíndo, a pobreza enténdese coma un impedimento para o desenvolvemento humano.

Erradica-la pobreza do mundo no é só unha obriga moral: é unha posibilidade real, como afirma un dos Informes do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento. No mundo existen os recursos e os coñecementos para acadar un mundo sen pobreza. A ampliación das accións solidarias e de cooperación preséntase, xa que logo, coma unha das vías para proporcionar ás persoas e ás sociedades os medios para desenvolverse coma tales. A promoción destes valores sensibilizando á sociedade coas problemáticas existentes é un labor imprescindible para loitar contra as desigualdades.

A Obra Social de Caixa Galicia presta o seu apoio a actuacións destas características, en relación coa cooperación e o desenvolvemento e sobre as desigualdades entre o norte e o sur.

O obxectivo da Obra Social nestas colaboracións é retornar á sociedade a confianza que deposita en Caixa Galicia, detectando as demandas sociais emerxentes e contribuíndo dun xeito decisivo ó desenvolvemento da comunidade.

Por isto, para nós é unha fonda satisfacción ter sido invitados a participar neste proxecto de “Palabras con Fondo” e poder estar presentes no mesmo, contribuíndo co noso modesto graniño de area neste inmenso labor de solidariedade que é responsabilidade de todos.

 

José Luis Méndez López
Director xeral de Caixa Galicia

Palabras con Fondo: Presentación