Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo: Prólogo

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade municipalista que pretende desenvolver accións de apoio ás colectividades máis desfavorecidas. Actualmente agrupa a máis de cincuenta Concellos e varias deputacións galegas e executa proxectos en varios países de Centroamérica e África, principalmente.

Este Fondo trata de homoxeneizar e impulsar as políticas de cooperación e solidariedade dende o poder local galego, atendendo a criterios materiais de favorecer o desenvolvemento e o benestar social, de superación do atraso, a pobreza e as desigualdades, pero tamén de plasmación de mecanismos de xestión democrática das comunidades do Sur, habilitando fórmulas para a máis activa participación e control cidadá.

Dende o comezo, tentamos desenvolver estratexias de aproximación ó conxunto da sociedade para sumar as maiores vontades a fin de que Galicia desapareza das últimas posicións nas listas que reflicten o nivel de esforzo económico solidario, por exemplo, entre as diferentes Comunidades Autónomas do Estado. Trátase de levar adiante iniciativas globais e indiscriminadas, pero tamén de promover outras de carácter selectivo, conscientes de que non todo depende do compromiso dunhas determinadas Corporacións, persoas ou partidos, senón tamén do nivel de conciencia social e da disposición crítica do conxunto da cidadanía. Nese empeño sensibilizador cómpre contextualizar unha proposta como esta que non sería viable sen a receptividade de CaixaGalicia e a comprensión activa dun selecto panel de vintetrés figuras das nosas letras.

Dende o Fondo agradecemos a todos os que colaboraron neste proxecto a súa aportación desinteresada.


Alfredo Novoa Gil
Presidente do Fondo Galego

 

Palabras con Fondo: Prólogo