Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo (Q): E ela seguiu

Quixo saír do escondedoiro. E, sen pensalo moito, saíu da lama. Os horrores da traxedia non foron quen de detela. Ulía a morto. A mortos supervivintes e a mortos literalmente mortos. Seguiu a camiñar sen rumbo coa barbarie nas costas. A cidade, devastada. As casas derruídas convertéranse en esqueletos de ladrillo que ollan cunha tristura mergullada na impotencia. E ela seguiu paseniño, cuberta a cabeza cun pano sen cor, envolta nun chaquetón de cadros, levando unha bolsa na man esquerda e apoiando a súa tristura nun caxato.

Atrás ficaban ruídos enxordecedores, as pisaduras das botas negras cheas de po duns homes que perderan o sentido cinguindo os corpos fríos das metralletas.

Atrás ficaban moreas de seres humanos tralos aramados coas súas vidas hipotecadas pola miseria, polo medo, pola incerteza.

Atrás ficaban os soños perdidos desas xentes humildes que noutrora desexaran vivir simplemente coa liberdade enchendo de aire os seus pulmóns inocentes.

E ela seguiu pola rúa, avanzando pola vía dun tranvía que fora símbolo das viaxes de ida e volta, que levaba e traía ós homes e ás mulleres dos seus traballos cotiáns. Un símbolo máis dunha rutina axexada que rematou por estralar.

E ela seguiu cos seus pasos curtos, imbuída de canseira, salaiando no silencio dos terrores apagados, sen saber cara a onde se dirixía. Pero ela non fuxía de ninguén. Xa vivira moitos anos anegada no desespero dos que se senten vixiados. Ela e a súa xente. E quén sabe se, agora, na súa andaina levaba a esperanza -inxenua ou non- de atopar esa man solidaria que un día lle parecera ver ó lonxe. Unha man que, quizais, aínda existía. Esa man descoñecida que estaba a agardar por ela, uns pasos antes da liña do horizonte. Esa man capaz de trocar a dor e maila atrocidade por unha paisaxe máis limpa onde a xente volvese a respirar.


Antonio García Teijeiro

 

Palabras con Fondo (Q): E ela seguiu