Aviso:

[Pechar}



Palabras con Fondo (X): A patera rosa

(Aos que sofren a inxustiza)

-Xa vai sendo hora de que veñan recollelo...

-Si, desde logo. Esta praia ultimamente dá noxo.. Non hai ningunha limpeza. Antes daba gusto, pero agora, con esta moda... ¿cómo diría eu?... esta teima...

-Moito vicio. ¡Se quedasen na súa terra! Xa temos o mercado ateigado de alfombras. ¡Fooombra! ¡Baratatooo! ¡Foooombra!

-Mira Lucho: estou segura que alí, se o buscan, teñen traballo abondo, pero púxose de moda isto de vir a España, e agora non hai quen o pare. Veñen a moreas. ¡E cómo deixan a praia! Anacos de pateras, refugallos de comida, botellas...

-E, aída por riba, ese aí. Veñen aquí a roubar postos de traballo, nada menos, ¡como se houbese tantos! Xa ves, o pobre Marcial, que non consegue choio... Se eu fose ministro, ou eso, ben... o que mande niso, poría máis gardacostas e ametrallaba. ¿Acaso non fan eles o mesmo cos nosos barcos?

-Non fai falta ametrallar, Luchiño. Para mostra un botón.

E Maripili, moza de bo ver, ao tempo que lle botaba crema protectora no lombo ao seu noivo Lucho, sinaloulle o cadáver do magrebí mecido polas suaves ondaxes da orela.

Efectivamente: refugallos de pobres galletas molladas, roupa azul dun bebe, unha botella de auga mineral sen encetar e unha cestiña de vímbio deixábense levar polo vaivén das augas, aboiando e encallando nas mouras areas ou atracando, como se de pequenas embarcacións se tratasen, entre as pernas do corpo dun mozo duns vinte anos que semellaba sorrir á morte cun aceno de xentil abraio; sen embargo as súas mans crispadas indicaban a loita da noite anterior para aferrarse a unha táboa de salvación.

-¡Mira que son tardóns os da gardacivil!

-Si. A min se me están remexendo as tripas. Ten un barrigón que parece que vai estoupar.

-Cala, cala, Lucho... Pobriño. Seguramente tragou moita auga.

-¡Qué pobriño nin que hostias! Pobriños nós, que temos que aturar estas cousas. Se queres imos a outra praia.

-Non, cari, esta é a nosa caliña, ghe, ghe... Xa sabes de qué che falo...

E os noivos olláronse no interior da súa complicidade, coa promesa das apertas e os arrumacos no lusco-fusco.

-¿Báñaste?

-Agora non. Ata que o leven de aquí eu non me movo. Pásame a revista.

-¿Esta ou o suplemento?

-O suple.

-Fíxate que cachonda está aquí a patera rosa.

-¡Ghe, ghe, ghe! ¡A pantera, cari, a pantera!

Gargalladiñas provocadas polo lapsus atroz revoaron arredor do cadáver mozo que seguía sorrindo ao infinito. Ao seu carón, dúas gaivotas roubechonas pelexaban por un anaco de pan Bimbo que xa se comercializaba en Marrocos. Na explanada situada enriba da cala aparcaba o todoterreo da garda civil, para alivio dos namorados.

Alfonso Álvarez Cáccamo

Nota.- Este breve relato está inspirado nunha fotografía publicada no suplemento dominical dun xornal galego no mes de outubro de 2000: unha parella de noivos, sentada baixo unha sombrilla, contemplan con absoluta indiferencia o corpo afogado na ribeira da praia dun tripulante dunha patera que non chegou ao seu destino.

Palabras con Fondo (X): A patera rosa