Aviso:

[Pechar}



Relatorio da Comisión Executiva 2010

Asemblea xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

10 de decembro de 2010

 

Estimad@s amig@s,

A crise económica non nos está a afectar a tod@s igual. Os países do Sur están a padecela dun modo ben máis prexudicial, porque xa estaban en crise e as condicións actuais empeoraron a súa situación. Por esta razón, o esforzo en cooperación non debera diminuír, senón mesmo aumentar. E aquí, as entidades locais do Norte temos un papel fundamental que desenvolver, non só dando apoio a outros axentes da cooperación, senón desenvolvendo unha cooperación propia, que poña en valor as nosas singularidades. Así o reivindicou ONU no presente exercicio cando, despois do terremoto no Haití, fixo chamadas reiteradas ao reforzo dos municipios haitianos como única fórmula capaz de garantir que a cooperación internacional resulte verdadeiramente efectiva. Chegouse a aseverar que a débil descentralización do país caribeño estaba na base do evidente fracaso da cooperación internacional nos anos precedentes.

Quen pode contribuír en maior medida ao fortalecemento das entidades locais do Sur? Quen pode dar un apoio máis acaído neste labor de cooperación internacional? As entidades locais do norte, sen dúbida. Por tanto, nestes momentos, non podemos eludir responsabilidades. Nestes momentos duros, estamos chamadas e chamados a demostrar que o noso compromiso é firme e franco, que de verdade entendemos a importancia da cooperación e que non vamos dar un paso atrás.

Deste compromiso firme e franco coa cooperación internacional por parte das entidades galegas dá boa conta a existencia da nosa asociación. Porque un Fondo de cooperación para Concellos e Deputacións significa unha aposta por xuntar forzas, por facer un traballo rigoroso que antepón a eficacia e a eficiencia da cooperación aos vaivéns partidarios e ao localismo, elementos ambos limitantes dunha boa cooperación.

Mais o Fondo Galego corre o risco de converterse nun mero xesto simbólico, nunha estrutura infrautilizada, fortemente dependente da existencia ou non de apoios alleos aos seus socios, fundamentalmente da Xunta de Galicia. A maior parte dos socios continúa a achegar apenas as cotas mínimas, tremendamente afastadas do 0,7% orzamentario con que estamos comprometidas e comprometidos.

Nestas condicións, tendo baixado o apoio da Xunta de Galicia dos 655.907€ de 2008 aos 148.708€ de 2010, as debilidades propias lévannos a ter que considerar a posibilidade de non realizar convocatoria de proxectos en 2011. Pero, ademais, estas mesmas debilidades están na base das dificultades para consolidar a estrutura básica do Fondo Galego.

Faise preciso, pois, reivindicar o apoio ao Fondo Galego como aglutinador dos esforzos das entidades locais galegas no ámbito dos proxectos de cooperación; ben apoiando proxectos de cooperación directa ou indirecta seleccionados no ámbito do propio Fondo Galego, a través dun proceso aberto no que os socios teñen diversas vías para participar; ben escollendo os propios socios os proxectos a financiar e deixando que sexa o Fondo Galego a entidade que os xestione. 

No ano 2010 financiouse o primeiro proxecto escollido pola Comisión de Cidades e Deputacións, na provincia de Maputo, en Mozambique, no ámbito do programa ART, do PNUD. O compromiso conseguido non alcanzou as expectativas, con só catro dos once membros da Comisión a financialo. Trátase en todo o caso dun primeiro paso que nos levou a reforzar a alianza co PNUD de Nacións Unidas, con quen xa se traballou no pasado, e a iniciar unha liña de acción pensada especificamente para as cidades e Deputacións; aqueles socios que, por capacidade, están en disposición de facer un maior esforzo. Cómpre agora divulgalo convenientemente entre os membros da Comisión para sumar máis apoios e trasladalo tamén á cidadanía galega. Pero esta Comisión ha de aspirar a estender o seu ámbito de acción conxunta á sensibilización, para o que se fai preciso desenvolver un programa acaído. Trátase, pois, de implementar a dobre velocidade prevista nas Estratexias 2007-2011 do Fondo Galego para aqueles socios con maior capacidade económica.

Estase a desenvolver tamén un proxecto de post-emerxencia no Haití, en colaboración co Fons Català, que ten experiencia nun terreo particularmente complicado. Ademais, en cooperación directa continuamos a traballar en Cabo Verde, con catro proxectos. E a través da cooperación indirecta, financiamos proxectos de Axunica e Escaes Perú, en Nicaragua e no Perú, respectivamente. Cabe por último referir un proxecto financiado pola UE e no que o Fondo Galego participará con municipios e asociacións portuguesas e alemás nos próximos tres anos. Tratará de achegar a figura dos Fondos de Cooperación municipais a estes dous países e o Fondo Galego foi escollido para compartir a súa experiencia.

En relación a Cabo Verde, o Fondo Galego quere dar un novo pulo á súa cooperación co arquipélago lusófono africano, para o que se dotou dunhas Liñas Estratéxicas que dean coherencia ás accións a desenvolver. Tratarase de continuar a dar apoio aos municipios do país, financiando proxectos que nos presenten, pero insistirase máis nas actividades formativas dirixidas ao persoal municipal e nos intercambios de experiencias co persoal dos Concellos e Deputacións de Galicia.

Un reto fundamental no que se refire aos proxectos está en centrar cada vez máis o apoio naqueles ámbitos en que os municipios e Deputacións teñan vantaxe comparativa en relación ao resto de axentes da cooperación: a promoción de procesos de descentralización político-administrativa e do Bo Goberno local. Sen esquecer a importancia da cooperación indirecta, como forma de contribuír a reforzar o tecido cooperante galego.

No que se refire á sensibilización o número de actividades desenvolvidas ten sido notable, tal como se pode apreciar acudindo á axenda do web do Fondo Galego: exposicións, espectáctulos de contacontos, un seminario de teatro do que sairá unha nova obra de teatro para os socios, etc. Isto ten sido grazas, sobre todo, a uns poucos socios que están a facer un importante esforzo neste ámbito, pero cómpre aspirar a que sexan máis. E aquí a chave está nas Redes Municipalistas Solidarias (RMS), nas que se dá conta de todos os recursos dispoñibles para os socios e se intercambian experiencias dalgúns socios que funcionaron ben e que constitúen bos exemplos a seguir polos demais. A asistencia a estes encontros está a ser aceptable en comparación con outros anos, situándose á volta do 50%, pero cómpre aspirar a máis. Cómpre, pois, insistir na súa importancia. Convén lembrar que a partir de xaneiro próximo estará dispoñible para os socios unha exposición e unidades didácticas directamente dirixidas a satisfacer unha demanda dos socios que se ten feito máis intensa coa crise económica: explicar por que é necesaria a cooperación internacional, por que é preciso que os Concellos e Deputacións desenvolvan accións neste sentido e, finalmente, cales son as vantaxes dun Fondo de Cooperación para desenvolver este tipo de actividade. O título da exposición é suficientemente clarificador: Influír no global desde o local: as entidades locais galegas perante un mundo inxusto.

É de resaltar o avance atinxido no ámbito da proxección social a través dos medios de comunicación, grazas ao reforzo da Secretaría cunha xornalista como colaboradora externa. A repercusión mediática, notablemente superior a anos anteriores, é agora acompañada de modo sistemático e plasmada nuns pressbook que nas próximas semanas serán postos a disposición de todos os socios a través do web do Fondo Galego. Un novo web, cunha imaxe máis moderna e contidos máis dinámicos, en que os socios terán unha visibilidade particularmente notable.

Constituíuse unha nova rede, coordinada pola xornalista, a Rede Municipal e Provincial de Comunicador@s Solidari@s, conformada polo persoal que en cada entidade local se encarga da comunicación e que supón un activo de grande potencial para continuar a avanzar na cobertura mediática das actividades do Fondo Galego. Froito da colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), cómpre referir tamén que este ano foi posto a andar o programa de radio Voces con Fondo, que se emite na emisora virtual de AGARESO e que agora cómpre difundir a través dos socios, para o que xa se están a suxerir posibilidades nas RMSs. Foi establecida unha parcería tamén con AGARESO para a elaboración dun documentario breve sobre o programa TeatrAcción.

A repercusión mediática do traballo do Fondo Galego, con todo, aínda se dá predominantemente a nivel local ou comarcal. É preciso dar o salto a nivel autonómico. Neste sentido, o tratamento sistemático e profesionalizado da información irá dando froitos pouco a pouco, pero isto haberá de ser acompañado de actividades interesantes e innovadoras, de boas campañas de comunicación dos proxectos e da procura de apoio en rostros ou espazos de especial proxección social.

Durante 2010 cabe destacar tamén a participación do Fondo Galego na Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade. O Fondo Galego acudiu a todas as convocatorias, técnicas, políticas e mixtas, participando de modo activo e leal, para a rendabilización da nosa membresía e para a revigorización da entidade. En relación aos encontros de carácter técnico, o balance é positivo: tiveron lugar dous encontros de intercambios de experiencias, un máis xeral e outro centrado na xestión económica e de recursos humanos, e un curso de avaliación ex-ante de proxectos. En relación aos encontros de carácter político, a Confederación encara a necesidade de tentar un entendemento entre dúas posturas: a dos Fondos que queren desenvolver moito máis as funcións encamiñadas a reforzar aos socios (vía intercambios de experiencias, cursos, unha maior coordinación, partillamento de materiais, etc.) e facer labor de lobby perante as institucións estatais e internacionais, para o que entenden que é primordial que os socios sexamos suficientemente semellantes entre nós; e a dos Fondos que a isto queren engadir unha maior participación en redes internacionais e, sobre todo, a flexibilización dos criterios de entrada na Confederación, asumindo o risco dunha menor cohesión interna. O Fondo Galego ten defendido a primeira postura.

A Comisión Executiva decidiu iniciar a tramitación da declaración de Utilidade Pública para o Fondo Galego, cuxa concesión suporía unhas maiores esixencias en termos de transparencia e, pola mesma, maiores garantías para os asociados. Ademais, supón vantaxes fiscais para entidades doadoras, especialmente relevantes no caso das campañas de post-emerxencia do Fondo Galego.

Convén rematar lembrando que contamos cunha asociación que se sitúa na vangarda da cooperación das entidades locais a nivel mundial e que, de feito, xa está a ser referente internacional. Unha asociación que desenvolve un labor cooperante e sensibilizador recoñecidos. Pero unha asociación que necesita de máis compromiso dos seus membros, en termos cualitativos e cuantitativos, para atinxir a autonomía de acción desexable e consolidar a súa estrutura técnica.

AnexoTamaño
Relatorio da Comisión Executiva 2010 (PDF)317.14 KB
Relatorio da Comisión Executiva 2010