Aviso:

[Pechar}



Antecedentes (Introdución)

>

A primeira plasmación pública desta iniciativa, impulsada polo IGADI, produciuse o 30 de novembro de 1996. En Nigrán (Pontevedra) celebrouse un encontro auspiciado polo IGADI e co apoio do Concello de Nigrán, da FEGAMP, da FEMP, da Consellería de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia e da Oficina de Información de Nacións Unidas en Madrid, para establecer un diálogo entre Concellos e ONGs acerca da cooperación descentralizada. Nese encontro, que viña avalado por un traballo previo de investigación sobre o estado das políticas de cooperación da Administración local de Galicia, chegouse á unánime conclusión da necesidade de dar pasos adiante cara a constitución dun Fondo Galego.

O seguinte paso consistiu na creación dunha comisión mixta FEGAMP-IGADI para fixar unha estratexia de cara ó proceso de constitución desa entidade. Elaborouse primeiro unha ponencia titulada "Poder local e cooperación internacional" que é publicada en forma de folleto e distribuída a todos os Concellos, Deputacións e ONGs de Galicia. Nela delimítase o perfil da cooperación descentralizada en Galicia e defínense os contidos elementais do que podería ser un Fondo Galego. Tamén se publicaron varios artigos nos medios de comunicación e fixeronse intervencións en varias emisoras de radio, abrindo novos espacios á sensibilización para provocar certo debate social e unha presencia desta problemática a niveis máis amplos.

Despois de varios contactos e reunións, asumido global e plenamente o proxecto pola FEGAMP, decídese convocar un novo encontro, esta vez soamente para representantes do poder local, para coñecer as experiencias de funcionamento doutros Fondos. Esta reunión celebrouse o 30 de maio de 1997 e nela participaron representantes do Euskal Fondoa, do Fons Mallorquí e da sección de Solidariedade Internacional da FEMP. O éxito desta reunión provoca unha aceleración dos acontecementos.

Rápidamente procedeuse á elaboración dunha proposta de declaración programática e de estatutos que se someten a consulta dos Concellos que viñan participando no proceso fundacional, tamén da propia FEGAMP, da FEMP, e dos diferentes Fondos existentes en España. Recollidas as suxestións, o día 27 de xuño reúnense en Santiago de Compostela, nas dependencias da EGAP, representantes de diferentes Concellos que proceden á súa aprobación. Unha vez asinados, presentaronse no correspondente Rexistro da Xunta de Galicia para o seu visado.

Na xuntanza celebrada nas dependencias da FEGAMP en Santiago de Compostela o 12 de decembro de 1997, ademais de aprobarse o baremo de cuotas mínimas iniciais, elixiuse a Comisión Executiva que quedou conformada da seguinte maneira:

Presidente Concello de Oleiros-Alfredo Novoa Gil
Vicepresidente Concello de Allariz-Anxo Manuel Quintana González
Secretario Concello de Nigrán-José M. Rial Cadaval
Tesoureiro Concello de Fene-Xosé Mª Permuy Martínez
Vocal 1 Concello de Moaña-Cándido Pena Vieitez
Vocal 2 Concello de Culleredo-Lourdes Suárez Sánchez
Vocal 3 Concello de Porto do Son-Carme Varela Donoso
Vocal 4 Concello de A Pobra do Caramiñal-Concepción Daporta Méndez
Vocal 5 IGADI - Xulio Ríos Paredes

Dúas conclusións interesa destacar. En primeiro lugar, que dende o comezo do proceso, procurouse manter informado e integrar a todos os Concellos e Deputacións que tivesen interese na conformación do Fondo, sen marxinación de ningún tipo, aceptando a marxe de disposición libremente decidida por cada quen. En segundo lugar, a primacía do consenso, do respecto á pluralidade local, para que a solidariedade e a cooperación contribúa a cimentar un novo espacio común do municipalismo galego.

Antecedentes (Introdución)

A Organización

>

Antecedentes (Introdución), Comisión Executiva, Datos básicos, Consello Municipalista da Cooperación, What is Galician Fund for Cooperation and Solidarity, Declaración Programática, Estatutos, Socios, Logotipos, Xestión Económica.

Distribuir contido