Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-04-08

Teatro, contacontos e exposicións suscitan o maior interese da Rede Municipalista Solidaria

- O persoal das Deputacións e Concellos socios valorou o proxecto con Alemaña e Portugal e mais as actividades de teatro, contacontos e exposicións

Xuntanza da Rede Municipalista Solidaria na Coruña.As Redes Municipalistas Solidarias deste primeiro semestre de 2011 rexistraron unha participación de 39 persoas de 30 administracións socias, o que representa o 30,3% do total de asociados. Esta cifra supón un descenso do 12% respecto da convocatoria anterior, a do segundo semestre de 2010, pero representa un pequeno aumento en relación á do ano 2007, tamén con eleccións municipais.

As seis xuntanzas do persoal técnico das Deputacións e Concellos socios cos membros da Secretaría Técnica do Fondo Galego celebráronse entre o 18 e o 31 de marzo. Os encontros, nos que se abordan os proxectos impulsados en países do Sur e as actividades de sensibilización no Norte, desenvolvéronse en Pontevedra, Tomiño, Lugo, A Pobra, A Coruña e Ourense. As e os participantes valoraron moi positivamente a participación da entidade no proxecto ‘Redes para o Desenvolvemento’ canda municipios e ONGD de Alemaña e Portugal, polo recoñecemento internacional que supón ao labor do Fondo Galego.  

As persoas que asistiron ás reunións da Rede Municipalista Solidaria amosaron tamén o seu especial interese por actividades coma o programa de teatro social TeatrAcción, o espectáculo de contacontos ou as exposicións. Considerouse asemade moi oportuno o deseño duns guións para a realización de videoforums e faladoiros literarios a partir dos títulos cos que conta o arquivo fílmico e bibliográfico do Fondo Galego, tal e como prevé o Plan de Sensibilización. Ao mesmo tempo, constatouse unha grande expectación perante a inminente apertura da convocatoria de Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado en países do Sur para traballadoras e traballadores das administracións locais e provinciais.