Aviso:

[Pechar}


Baiona 2011-01-13

Unha técnica supervisa sobre o terreo o proxecto do Fondo Galego de Cooperación no Haití

- O Fondo Galego e o Fons Català de Cooperació promoven na illa a prevención de riscos e a formación para construír vivendas resistentes aos terremotos 

- Victòria Planas informará de primeira man sobre a implementación da iniciativa tras reunirse co parceiro local e cos distintos axentes implicados na recuperación

A implicación dos axentes locais é clave na implementación do proxecto no Haití.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais o Fons Català de Cooperació al Desenvolupament envían dende esta semana unha técnica ao Haití para supervisar sobre o terreo a execución do proxecto que ambas as dúas entidades están a implementar tras o sismo do ano pasado. A iniciativa promove, entre outros aspectos, a formación para a construción de vivendas resistentes aos terremotos con materiais tradicionais. Estase a levar a cabo nas vilas de Carice, Vallières e Monbin Crochu, situadas na fronteira nordeste coa República Dominicana.

A técnica Victòria Planas, que permanecerá case un mes na illa caribeña, reunirase co parceiro local, o Centro pola cultura e o desenvolvemento de Carice (SKDK), para consolidar as bases da colaboración. Manterá ademais xuntanzas con representantes do Ministerio de Planificación e Cooperación Externa, do Ministerio de Interior, da AECID e do programa das Nacións Unidas ART-GOLD. O resultado da viaxe plasmarase nun informe de seguimento e nun diagnóstico ‘in situ’ sobre os actores e as accións nun contexto de emerxencia. Para elaboralo, ademais de documentar graficamente a intervención, realizaranse entrevistas á poboación beneficiaria, autoridades locais, persoal técnico, etc.

‘Fortalecemento do desenvolvemento local sostible e inclusivo no Nordeste de Haití como resposta aos efectos do sismo do 12 de xaneiro’ é o título do proxecto. O Fondo Galego achega 160.000 euros procedentes de diversas administracións socias e algúns cidadáns que realizaron as súas doazóns a través da conta de emerxencia aberta hai un ano. A proposta busca crear capacidades rexionais para mellorar as condicións de vida da poboación en equilibrio coa natureza, para o que se apoiará as institucións e as organizacións sociais.

A iniciativa actúa en varias frontes. Impulsarase a planificación intermunicipal de políticas públicas sobre a ordenación do territorio, a sostibilidade ambiental, o crecemento económico e a prevención de riscos. Actualizaranse os plans de estudos do Centro de Formación Profesional de Carice de acordo aos novos retos en materia de agroecoloxía, construción local adaptada, socio-administración e economía social. Construirase asemade un centro intercomunal con técnicas antisísmicas e anticiclónicas no que se empregarán materiais como a arxila e unha clase de bambú chamada ‘guadua’, moi resistente. A edificación resultante será un exemplo para futuras vivendas na zona e servirá como práctica para unhas 90 persoas que sairán graduadas en construción. O cuarto resultado do proxecto é a creación dun sistema de información sobre a vulnerabilidade da poboación respecto dos riscos e desastres, que involucrará aos comités de Protección Civil de cada un dos tres municipios.

O proxecto apoiado polo Fondo Galego de Cooperación beneficiará preto de 500 poboadores e poboadoras que se seleccionaron tendo en conta criterios de equidade territorial urbano-rural e de igualdade de xénero. Son institucións, organizacións locais, profesionais e estudantes, aínda que os efectos positivos repercutirán de xeito indirecto sobre os 64.000 habitantes que suman Carice, Vallières e Monbin Crochu.