Aviso:

[Pechar}


Baiona 2011-02-24

Victòria Planas visita Galicia tras supervisar o proxecto do Fondo Galego e o Fons Català en Haití

- A técnica impartirá unha conferencia en Ames para expor os avances na iniciativa impulsada polas dúas entidades a prol do desenvolvemento local 

- Ofrecerá un testemuño de primeira man sobre a dramática situación que atravesa o país un ano despois do terremoto, agravada pola epidemia de cólera

 O parceiro local asinou o convenio para o proxecto durante a visita de Victòria Planas.A técnica que viaxou a Haití para supervisar a andaina do proxecto impulsado polo Fondo Ga­lego e o Fons Català de Cooperació visita Galicia o vindeiro luns 28 de febreiro para dar conta dos avances en terreo. Victòria Planas manterá unha xuntanza en Baiona coa Secretaría Técnica do Fondo Galego de Cooperación e pola tarde impartirá unha conferencia en Ames, no local dos xubilados de Milladoiro, a partir das 20 horas. Ames é un dos Concellos asociados ao Fondo que realizaron as súas achegas á conta de emerxencia aberta tras o devastador terremoto de xaneiro de 2010.

As doazóns das administracións socias e dalgúns cidadáns a título individual ascenderon a 160.000 euros, que se destinaron ao proxecto conxunto co Fons Català. A iniciativa estase a executar nas vilas de Carice, Vallières e Monbin Crochu, na fronteira nordeste coa República Dominicana. Entre outros aspectos, promove a formación para a cons­trución de vivendas resistentes aos terremotos con materiais tradicionais, e o fomento de capacidades municipais para mellorar as condicións de vida da poboación en equilibrio coa natureza.

A responsable de proxectos de Centroamérica, México e Caribe no Fons Català, Victòria Planas, estará en Galicia para dar conta dos primeiros pasos desta iniciativa denominada ‘Fortalecemento do desenvolvemento local sostible e inclusivo no Nordeste de Haití como resposta aos efectos do sismo do 12 de xaneiro’, contribuíndo así a garantir a transparencia dos investimentos. Ofrecerá tamén un testemuño de primeira man sobre a dramática situación que vive a poboación haitiana, agravada por mor da epidemia de cólera. As intervencións de post-emerxencia na illa caribeña están nestes intres moi marcadas pola inestabilidade política e a todos os niveis.

Na misión de seguimento, asinouse o convenio de colaboración co Centro para Cultura e o Desenvolvemento de Carice (SKDK). O rol deste parceiro é crucial para afrontar a crise sen deslexitimar os actores locais, pois defende a descentralización, a equidade e o fortalecemento institucional, traballando en coordinación cos municipios do Nordeste. A súa participación canda as autoridades municipais no proceso de construción de cidadanía e fortalecemento institucional é clave, perante o polémico papel dos actores estatais políticos e militares, que non están a garantir a xestión de crise aguda que sofre o país.

Ademais de manter encontros moi participativos coas entidades locais implicadas, que permitiron axustar o proxecto á realidade actual, Victòria Planas reuniuse na súa viaxe con representantes de distintos ministerios, da AECID e do programa ART-GOLD das Nacións Unidas. A maiores desta recente visita ao Haití, xa está en marcha unha avaliación intermedia do proxecto promovido polo Fondo Galego e o Fons Catalá. Posteriormente, realizarase unha avaliación final para comprobar o cumprimento dos obxectivos fixados. Ao remate, unha auditoría externa verificará tamén a correcta xestión dos recursos.